O MAGOSTO
O magosto é unha festa tradicional do noso país, na que se reúnen varias persoas para asar e comer castañas.
O magosto é unha festa de homenaxe aos froitos de recente recolleita: castañas e viño, pero tamén é unha festa de amizade e veciñanza que acostuma celebrarse por grupos de idades
Celébrase na segunda quincena de outubro e primeira de novembro, pero as datas máis populares son a de Tódolos Santos e o día de San Martiño (11 de novembro), segundo a comarca. Cada data ten unha connotación diferente. A primeira está relacionada coas comidas fúnebres do día de defuntos, pois ata o séculoXVIII críase que cada castaña que se comía nestas datas era unha ánima que se liberaba do purgatorio. Nalgúns lugares facían os magostos nos cemiterios para facer partícipes dalgún xeito aos seus defuntos, e noutros facían os magostos nos soutos e coidaban de non apagar de todo o lume para que se viñesen quentar as ánimas. A segunda data (11 de novembro) xa non está relacionada coa morte e celébrase sobre todo na provincia de Ourense, festividade de S. Martiño de Tours, patrón desa diócese.
Os elementos indispensables para celebrar esta festa son as castañas, o viño e o lume. Pero hoxe en día fóronselle engadindo outros produtos coma chourizos, empanadas, churrasco, queimada, etc. dependendo das idades dos magosteiros.
Antes de botar as castañas no lume fáiselles un corte cun coitelo para evitar que estoupen, pero algunhas déixanse sen cortar para divertirse cos estoupidos.
Ao rematar, emborrállanse as mans cos tizóns das brasas e tratan de lixarse uns aos outros mentres comen as castañas e cantan cantigas.
Acostúmase competir coas fogueiras veciñas. Para acadar a maior cantidade de fume empréganse xestas e leña verde.
Á noitiña os magosteiros baixan do monte agardando que chegue o do ano que vén.