miércoles, 12 de noviembre de 2014

O pintor do sombreiro de malvas


Acabamos de ler o libro “O pintor do sombreiro de malvas” entre todos os nenos e nenas da clase e non deixou indiferente a ninguén. A uns gustounos moito e a outros non tanto porque lles pareceu un pouco difícil e triste. A maioría disfrutamos moito con el porque foi un libro moi diferente aos outros que temos lido, era un libro moito menos infantil e sentiámonos maiores léndoo. É certo que era un libro máis complexo: tanto no vocabulario coma nas reflexións que facía un dos personaxes, pero aí estaba parte do encanto do libro e grazas ás aclaracións da profe non tiñamos problema para comprendelo. Se seguides lendo podedes ver as valoracións que fixemos cada un de nós e logo vós decidides.

Gustoume moito porque o escritor tivo unha gran idea ao facer unha novela collendo un personaxe real (o pintor Vicent Van Gogh) e a partir del facer esta historia. Ademais a historia estaba moi ben narrada e era intrigante aínda que con vocabulario e expresións algo complexas. Tamén me gustou como o protagonista vai cambiando a súa forma de ver o mundo na súa estadía en Auvers. É o libro que debes ler se che gustan os libros bos, pero tristes. Recomendaría este libro para calquera persoa de máis de 12 anos. (Martín)
Este libro encantoume porque tiña moito sentimento e bastante intriga. No libro cáptanse moi ben os sentimentos dos personaxes. No vocabulario había moitas palabras novas para nós e aínda que isto podía ser un atranco, non o foi porque, ao lelo en voz alta, a profesora íanos aclarando as dúbidas. O que menos me gustou foi que no final non se chegou a saber que pasaba con algúns personaxes e a min gustaríame coñecer o que pasaba con eles. O meu personaxe favorito foi o pintor porque el non se deixa levar polo que fan todos, é moi especial. Recomendaríallo a nenos de máis de 12 anos. (Adrián)
Foi un libro que a min non me gustou moito, porque foi triste e a min gústanme os libros alegres e de aventuras. Ademais no final non se aclararon algunhas cousas. (Xian)
Este libro gustoume moito porque expresa moi ben os sentimentos dos personaxes, e é moi bonito. Ten partes con moita intriga e outras moi tristes porque expresa tan ben os sentimentos dos personaxes que se es unha persoa con empatía podes sufrir moito. Recomendaríallelo a nenos de 12 ou 13 anos porque ten un vocabulario e reflexións algo difíciles. Isto para min non é negativo pois así aprendín cousas que me servirán para o futuro ademais de disfrutar moito léndoo.( Noelia Carnero)
Este libro non me gustou moito porque tiña algunas partes que eran moi tristes e porque o vocabulario era algo elevado para nós. O que máis me gustou do libro son as reflexións que facía o pintor porque me chegaron ao corazón e me ensinaron a pensar nalgunhas cousas. Eu quedei con moita intriga porque o libro parece que non está rematado xa que non resolven certas cousas. (Iris)
A min non me gustou porque me resultou difícil e porque ao final non sei que pasou con algúns personaxes, ademais era moi triste. (Yolanda)
A min gustoume moito porque era intrigante e moi entretido. Aprendín e disfrutei léndoo. (Brandon)
Este libro gustoume porque era moi intrigante , como me gustan a min os libros, e ademais expresaba moi ben o que sentían os personaxes, ata chegou un momento, no final do libro, no que eu sentín angustia polo que lle estaba a ocorrer ao protagonista. O libro tiña un vocabulario bastante complexo para a nosa idade, pero a min gustoume porque así aprendín palabras e expresións novas. Tamén tiña reflexións filosóficas bastante difíciles que lle dicía o pintor ao protagonista e que a min me gustaron moito porque me axudaron a pensar e a madurar, coma ao protagonista; servíronnos para reflexionar todos xuntos sobre elas coa axuda da profe. A min o final do libro gustoume porque deixa cousas sen resolver para que ti imaxines o que queiras. (Ángel)