O encontro coa escritora Ledicia Costas foi a última das moitas actividades
que realizamos arredor do libro Escarlatina,
a cociñeira defunta.
Nas vacacións de Nadal lemos o libro que nos regalou o
Concello e á volta fixemos na clase comentarios e valoracións sobre o libro, aclaramos
dúbidas, informámonos sobre a autora e o ilustrador e realizamos un debuxo que
lle entregamos á escritora o día do encontro.
Ese día, 30 de
xaneiro, os alumnos de 6º acudimos á Escola de Teatro e alí xuntámonos cos doutros
catro colexios. A escritora xa nos estaba
agardando xunto coa responsable do Concello e o representante de Xerais (editorial do libro).
A escritora falounos un pouco sobre ela e
enseguida comezou a rolda de preguntas que lle fixemos os nenos de todos os
colexios. Ela contestounas todas moi amablemente e despois pasou a firmarnos os
libros. Nós levamos dous exemplares para firmar e escribiunos unhas especiais
dedicatorias. Nós pola nosa parte agasallámola cun debuxo, feito por Ángel, e as nosas
valoracións sobre o libro, traballo que lle gustou moitísimo, mostroullo a toda a sala e
pediu un aplauso para nós.
Algunhas das cousas que nos contou foi que a súa afección
pola escritura viña desde pequeniña, e que a súa primeira novela a escribira con 13 anos. Díxonos que non tiña
ningún lugar en concreto onde se
inspirar para escribir os seus libros, é
mais, ela non cre na inspiración, pensa que é cousa de poñerse a escribir e xa está. Á
pregunta de por que elixira o tema dos mortos para facer este libro, ela contestounos
que o elexira porque na cultura
galega son moi importantes os contos e
as lendas de mortos e como non se escribira nunca un libro infantil sobre este
tema que decidira facelo ela. Díxonos
tamén que ía escribir outro libro, que en realidade era a primeira parte deste
xa que vai de cando se coñecen, antes de morrer, Escarlatina e Lady Horreur. Estámolo agardando con moito interese.
Era a primeira vez que falabamos cunha escritora e gustounos
moito.
A continuación podedes ver o traballo que lle entregamos e as dedicatorias que nos escribiu nos libros.
A continuación podedes ver o traballo que lle entregamos e as dedicatorias que nos escribiu nos libros.