jueves, 16 de abril de 2015

EXPOSICIÓN DE ANTÓN PULIDO





O día 9 de abril os nenos e nenas de 5º e 6º curso fomos ver unha exposición antolóxica do pintor Antón Pulido á Sala de Exposicións Afundación de Ourense.
Autorretrato, 1970
Ao chegar alí dividíronnos en dous grupos: quinto e sexto. Mentres un grupo estaba vendo a exposición o outro estaba pintando unha composición nun taller situado na parte de arriba da sala.  A nosa guía dividiu o noso grupo en cinco equipos e cada un tiña que buscar as respostas a unha serie de preguntas que se formulaban sobre o cadro que lles tocara estudar e ao final tiñan que presentarlles aos demais a súa obra dicindo as preguntas e as respostas que eles deran.
Estraloques, 2008
Kermesse, 1991

Kermesse, 2013
A guía correxía as respostas erróneas ou aclaraba datos sobre a obra observada. A orde dos cadros comentados correspondíase co tempo cronolóxico do autor o que nos permitiu ver a súa evolución desde uns cadros figurativos como o seu autorretrato ata a abstracción total, pasando polo expresionismo. Tamén nos explicou as diferentes técnicas empregadas polo artista nos seus cadros. Vimos como as cores utilizadas tamén foron cambiando, pasando duns primeiros cadros máis escuros a outros de cores moito máis vivas. Ao longo da charla aprendemos moitos conceptos como expresionismo, abstracción, vanguardia, composición... e tamén datos sobre a vida do pintor. Rematada a visita á exposición subimos ao taller e alí un guía díxonos que tiñamos que facer unha composición libre cos materiais que tiñamos encima da mesa. Decidimos facer a composición coas letras do seu nome PULIDO e con motivos marinos. Cando estabamos todos entretidos facendo a nosa obra chegou o pintor, non o podiamos crer!, ninguén nos avisara. Despois de saudalo seguimos pintando e ao final dixo que lle gustaba moito a nosa composición e que non sabía cal dos cadros que a formaban era máis bonito, que para el eran todos preciosos. Firmounos en cada un deles e agora témolos expostos no corredor da nosa planta, no centro. A continuación firmounos autógrafos e sacamos varias fotos colectivas con el.
Pintando a nosa composición
Nós traballando con Antón Pulido ao fondo.





























Resultado final                                                                                           Título: O NOME