Como sabedes mañá, día 8 de marzo, é o Día Internacional da Muller. Foi elexida esta data porque neste día en 1857 e en 1908 tiveron lugar dúas folgas reivindicando a igualdade de dereitos das mulleres. O 8 de marzo de 1857 un grupo de obreiras dunha fábrica téxtil manifestouse polas rúas de Nueva York para protestar polas pésimas condicións nas que traballaban. Arredor desta data, novamente en Nueva York, en 1908, unhas 40000 costureiras das grandes fábricas de Estados Unidos puxéronse en folga reclamando igualdade laboral, diminución da xornada laboral a dez horas e dereito para sindicarse. Nunha destas fábricas en folga, as mulleres encerráronse na súa fábrica e produciuse un incendio, que se cre foi provocado polo dono da fábrica, e alí morreron queimadas 120 mulleres.
En 1910, durante a Segunda Conferencia Internacional de Mulleres Traballadoras celebrada en Copenhague (Dinamarca) máis de cen mulleres de diferentes países aprobaron declarar o 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora, hoxe denominado Día Internacional da Muller.
Desde 1911 vénse celebrando este día, e no ano 1975 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas estableceu esta data como Día Internacional da Muller. A continuación podedes ver o vídeo "Rosa caramelo" que nos permitirá analizar os estereotipos que se foron creando en canto ao xénero.