domingo, 26 de marzo de 2017

VISITAMOS METEOGALICIA EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

O pasado martes 21 de marzo os alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria visitamos Meteogalicia, en Santiago de Compostela. A actividade formaba parte dun programa que estamos a levar a cabo no noso colexio, MeteoEscolas, que consiste en mellorar as competencias en temas medio ambientais e das ciencias da Terra e promover a investigación na escola. 
Ao chegar visitamos as instalacións, onde nos amosaron a sala de predición, na que nos explicaron as ferramentas que empregan os técnicos para levar a cabo o seu traballo, así como unha explicación básica do proceso de predición meteorolóxica. Fixeron un especial fincapé nas fontes de incertidume que existen no traballo de toma de datos e na posterior predición.
Tamén fixeron unha breve presentación que representou unha toma de contacto coa meteoroloxía e a climatoloxía, que no noso caso nos serviu para repasar os conceptos de diferenza entre tempo e clima, ciclo hidrolóxico, borrascas e anticiclóns, frentes, furacáns, tornados e imaxes de satélite, entre outros.
Para finalizar, invitáronnos a visitar unha mostra de aparellos meteorolóxicos, na que nos explicaron os distintos sensores e a súa utilidade ,así como nos deron algunhas pinceladas sobre o traballo de observación meteorolóxica e mantemento da rede de estacións meteorolóxicas deste organismo autonómico.


A continuación achegámonos a Catedral de Santiago. Estivemos na praza das praterías, logo na praza do Obradoiro, dende a cal puidemos ver a fachada principal en proceso de restauración; a Porta Santa, e finalmente, entramos na Catedral.O que mais nos chamou a atención foi o botafumeiro,o profe Pepe explicounos que se empregaba para perfumar e purificar o aire da catedral onde antigamente durmían os peregrinos .Tamén visitamos o sepulcro do Apóstol Santiago e a capela Maior, onde estaba a imaxe de Santiago de pedra vestido de peregrino, todos subimos a darlle unha aperta e pedir un desexo.

Aproximábase a hora do xantar, e todos tiñamos moita fame, como ao final quedou bo día, aproveitamos e xantamos na Alameda. Ao rematar, demos un longo paseo polo parque. Xa pola tarde, organizámonos por grupos e fomos mercar algún agasallo. Pasámolo moi ben!!!!