domingo, 22 de febrero de 2015

domingo, 15 de febrero de 2015

NAVEGA CON RUMBO



Este  xoves, día 12 de febreiro, o alumnado de 5º e 6º tivemos unha charla sobre a seguridade en Internet dentro do  Plan  “Navega con rumbo”.

A conferenciante  falounos  dos “hoax”  (bulos  ou noticias falsas que circulan pola rede), do “grooming” (un adulto intenta gañarse a confianza dun menor cunha intención sexual),  do “ciberbullying” (acoso entre iguais: chantaxes, vexacións, insultos,etc) e tamén nos deu algunhas recomendacións para navegar máis  seguros polo Ciberespazo.  

viernes, 6 de febrero de 2015

Fotos Día da Paz

DÍA DA PAZ

Acabamos de celebrar no colexio o Día da Paz  aínda que mellor deberiamos dicir a Semana da Paz, pois toda a semana estivemos facendo actividades relacionadas con esta data tan importante.
Na nosa clase xa levabamos unhas semanas preparando a canción titulada "Corazón con cremallera" acompañada dun baile que logo ensinamos aos de infantil, así como a lectura e comentario de textos alusivos a este tema.
A nivel plástico colaboramos na confección dun mural para a biblioteca deseñando uns ladrillos que podedes ver na seguinte presentación. Tamén fixemos para a nosa clase este mural "Paz no mundo".

Nas clases de plástica confeccionamos unhas pombas da paz  en papiroflexia coas que construiremos uns móbiles para colgar na clase.
Xa o día 30 colaboramos na construción da "pomba solidaria" aportando alimentos e logo cantamos e bailamos todos xuntos.  
Foi un bonito día, agora só falta que continuemos con este espírito solidario o resto do ano; de momento temos boas intencións.
Podedes ver arriba algunhas das fotos deste acto. Se queredes ver máis entrade na galería da páxina Web do colexio.

jueves, 5 de febrero de 2015

Encontro coa escritora Ledicia Costas



O encontro coa escritora Ledicia Costas foi a última das moitas actividades que realizamos arredor do libro Escarlatina, a cociñeira defunta.  
Nas vacacións de Nadal lemos o libro que nos regalou o Concello e á volta fixemos na clase comentarios e valoracións sobre o libro, aclaramos dúbidas, informámonos sobre a autora e o ilustrador e realizamos un debuxo que lle entregamos á escritora o día do encontro.
Ese día,  30 de xaneiro, os alumnos de 6º acudimos á Escola de Teatro e alí xuntámonos cos doutros catro colexios. A escritora  xa nos estaba agardando xunto coa responsable do Concello e o representante de Xerais (editorial  do libro).
A escritora falounos un pouco sobre ela e enseguida comezou a rolda de preguntas que lle fixemos os nenos de todos os colexios. Ela contestounas todas moi amablemente e despois pasou a firmarnos os libros. Nós levamos dous exemplares para firmar e escribiunos unhas especiais dedicatorias. Nós pola nosa parte agasallámola cun debuxo, feito por Ángel, e as nosas valoracións sobre o libro, traballo que lle gustou moitísimo, mostroullo a toda a sala e pediu un aplauso para nós.
Algunhas das cousas que nos contou foi que a súa afección pola escritura viña desde pequeniña, e que a súa primeira novela  a escribira con 13 anos. Díxonos que non tiña ningún lugar en concreto  onde se inspirar  para escribir os seus libros, é mais, ela non cre na inspiración, pensa  que é cousa de poñerse a escribir e xa está. Á pregunta de por que elixira o tema dos mortos para facer este libro, ela contestounos que o elexira  porque na cultura galega  son moi importantes os contos e as lendas de mortos e como non se escribira nunca un libro infantil sobre este tema que decidira facelo ela.  Díxonos tamén que ía escribir outro libro, que en realidade era a primeira parte deste xa que vai de cando se coñecen, antes de morrer, Escarlatina e Lady  Horreur. Estámolo agardando con moito interese.
Era a primeira vez que falabamos cunha escritora e gustounos moito.  


A continuación podedes ver o traballo que lle entregamos e as dedicatorias que nos escribiu nos libros.






miércoles, 4 de febrero de 2015

VISITA AO "IES 12 DE OUTUBRO"

 O día 29 de xaneiro os alumnos e alumnas de 6º  curso fomos coñecer o IES 12 de Outubro, porque é o centro ao que a maioría dos nenos imos ir para o curso que vén. Fomos acompañados das dúas titoras de 6º e da orientadora do centro. Tamén  foron algúns dos nosos pais (arredor duns doce) para coñecer o centro e valorar se nos mandaban para alí ou non.
Ao chegar recibiunos a directora e explicounos no salón de actos os diferentes estudos que se imparten no centro e as actividades complementarias e extraescolares que alí se desenvolven, Ao rematar o xefe de estudos foinos ensinando as distintas dependencias do centro: laboratorios, talleres de mecanizados, electricidade, perruquería, estética, biblioteca e diversas aulas. O que máis nos chamou a atención foron os talleres e que o colexio era moi grande e que parecía un labirinto. 
Cando acabou a visita convidáronnos a un chocolate na cafetería do centro. Foron todos moi amables. 
A maioría de nós  queremos ir a este centro para non separarnos dos nosos compañeiros.