domingo, 8 de marzo de 2015

CONTACONTOS: DON QUIJOTE DE LA MANCHA

O 19 de febreiro os nenos dos cursos de terceiro a sexto asistimos a unha sesión de contacontos no salón de actos do noso colexio sobre a obra máis importante da nosa literatura, Don Quijote de la Mancha, con motivo da celebración do cuarto centenario da publicación da segunda parte desta obra. A relatora foi a actriz galega Raquel Queizás. De maneira moi amena e participativa deunos a coñecer algo desta obra, sobre todo os seus personaxes máis destacados, algunha aventura levada a cabo polo Quijote, ditos, e por suposto o seu amor incondicional por Dulcinea, papel interpretado pola actriz. Os papeis de Sancho e Don Quijote interpretáronos dous dos nosos compañeiros de clase, que podedes ver nestas fotos, que por certo fixérono moi ben. Resultou unha actividade moi educativa e á vez moi divertida. Motivounos moito e agora moitos nenos xa estamos pensando en pórnos a ler esta obra.


 (Se queredes ver máis fotos desta sesión visitade a páxina web do colexio, e se queredes saber máis sobre esta obra entrade no blog da biblioteca).






domingo, 22 de febrero de 2015

domingo, 15 de febrero de 2015

NAVEGA CON RUMBO



Este  xoves, día 12 de febreiro, o alumnado de 5º e 6º tivemos unha charla sobre a seguridade en Internet dentro do  Plan  “Navega con rumbo”.

A conferenciante  falounos  dos “hoax”  (bulos  ou noticias falsas que circulan pola rede), do “grooming” (un adulto intenta gañarse a confianza dun menor cunha intención sexual),  do “ciberbullying” (acoso entre iguais: chantaxes, vexacións, insultos,etc) e tamén nos deu algunhas recomendacións para navegar máis  seguros polo Ciberespazo.  

viernes, 6 de febrero de 2015

Fotos Día da Paz

DÍA DA PAZ

Acabamos de celebrar no colexio o Día da Paz  aínda que mellor deberiamos dicir a Semana da Paz, pois toda a semana estivemos facendo actividades relacionadas con esta data tan importante.
Na nosa clase xa levabamos unhas semanas preparando a canción titulada "Corazón con cremallera" acompañada dun baile que logo ensinamos aos de infantil, así como a lectura e comentario de textos alusivos a este tema.
A nivel plástico colaboramos na confección dun mural para a biblioteca deseñando uns ladrillos que podedes ver na seguinte presentación. Tamén fixemos para a nosa clase este mural "Paz no mundo".

Nas clases de plástica confeccionamos unhas pombas da paz  en papiroflexia coas que construiremos uns móbiles para colgar na clase.
Xa o día 30 colaboramos na construción da "pomba solidaria" aportando alimentos e logo cantamos e bailamos todos xuntos.  
Foi un bonito día, agora só falta que continuemos con este espírito solidario o resto do ano; de momento temos boas intencións.
Podedes ver arriba algunhas das fotos deste acto. Se queredes ver máis entrade na galería da páxina Web do colexio.

jueves, 5 de febrero de 2015

Encontro coa escritora Ledicia Costas



O encontro coa escritora Ledicia Costas foi a última das moitas actividades que realizamos arredor do libro Escarlatina, a cociñeira defunta.  
Nas vacacións de Nadal lemos o libro que nos regalou o Concello e á volta fixemos na clase comentarios e valoracións sobre o libro, aclaramos dúbidas, informámonos sobre a autora e o ilustrador e realizamos un debuxo que lle entregamos á escritora o día do encontro.
Ese día,  30 de xaneiro, os alumnos de 6º acudimos á Escola de Teatro e alí xuntámonos cos doutros catro colexios. A escritora  xa nos estaba agardando xunto coa responsable do Concello e o representante de Xerais (editorial  do libro).
A escritora falounos un pouco sobre ela e enseguida comezou a rolda de preguntas que lle fixemos os nenos de todos os colexios. Ela contestounas todas moi amablemente e despois pasou a firmarnos os libros. Nós levamos dous exemplares para firmar e escribiunos unhas especiais dedicatorias. Nós pola nosa parte agasallámola cun debuxo, feito por Ángel, e as nosas valoracións sobre o libro, traballo que lle gustou moitísimo, mostroullo a toda a sala e pediu un aplauso para nós.
Algunhas das cousas que nos contou foi que a súa afección pola escritura viña desde pequeniña, e que a súa primeira novela  a escribira con 13 anos. Díxonos que non tiña ningún lugar en concreto  onde se inspirar  para escribir os seus libros, é mais, ela non cre na inspiración, pensa  que é cousa de poñerse a escribir e xa está. Á pregunta de por que elixira o tema dos mortos para facer este libro, ela contestounos que o elexira  porque na cultura galega  son moi importantes os contos e as lendas de mortos e como non se escribira nunca un libro infantil sobre este tema que decidira facelo ela.  Díxonos tamén que ía escribir outro libro, que en realidade era a primeira parte deste xa que vai de cando se coñecen, antes de morrer, Escarlatina e Lady  Horreur. Estámolo agardando con moito interese.
Era a primeira vez que falabamos cunha escritora e gustounos moito.  


A continuación podedes ver o traballo que lle entregamos e as dedicatorias que nos escribiu nos libros.