martes, 16 de diciembre de 2014

CARTEÁMONOS:CEIP JOSÉ Mª LAGE (ORTIGUEIRA) -CEIP ALBINO NÚÑEZ (OURENSE)

Os mestres do CEIP de Ortigueira puxéronse en contacto  cos do noso colexio para que os seus alumnos se cartearan cos do noso e houbo varios dos nosos mestres aos  que lles pareceu unha boa idea, pois así coñeciamos os nenos dun centro da costa e podiamos intercambiar experiencias, opinións, á vez que usabamos a nosa lingua.  No noso caso, no mes pasado, recibimos unha carta dos nenos da clase de 6ºA onde nos contaban cousas moi interesantes da súa clase e da vila, ademais enviáronnos folletos de turismo nos que se poden ver as cousas máis destacadas da vila e dos arredores. Nós, pola nosa parte, tamén lles enviamos unha carta e ademais un vídeo, onde nos presentamos cada un de nós, e unha presentación Powerpoint coas dependencias do noso colexio, para que nos coñezan un pouco mellor. Enviámoslles tamén algún folleto turístico da cidade, especialmente das Termas, un libriño sobre a historia de Ourense e un exemplar da revista escolar do ano pasado. 
AGARDAMOS ENTUSIASMADOS QUE NOS CONTESTEN E NOS SIGAN CONTANDO COUSAS PARA COÑECELOS MELLOR E OXALÁ NOS PUIDÉSEMOS COÑECER EN PERSOA. A VER SE SE ANIMAN OS PROFES!!

domingo, 14 de diciembre de 2014

VISITA MUSEO MUNICIPAL



 O venres, 12 de decembro, fixemos unha visita ao Museo Municipal e alí vimos unha exposición temporal que leva por título "Vidas Entrecruzadas". Tivemos a sorte de que se presentaba a peza correspondente a este mes e puidemos coñecer ao seu autor. Logo vimos as fotografías en color da 2ª planta e as de branco e negro da 1º planta, con temáticas moi distintas. A guía íanos explicando o motivo de cada exposición e o seu significado. As fotografías gustáronos pero viñemos un pouco decepcionados porque esperabamos ir ver pintura e non foi así.

domingo, 7 de diciembre de 2014

sábado, 6 de diciembre de 2014

CHARLA SOBRE ENERXÍA

O luns, día 1 de decembro, os nenos de 5º e 6º tivemos unha charla sobre a enerxía.  O monitor, que pertencía a Gas Natural, explicounos o concepto de enerxía, tipos de enerxía, necesidade de aforro enerxético, cousas que xa moitos sabiamos, pero tamén nos falou de km 0, a pegada de CO2 de cada alimento, diferenza entre eficaz e eficiente, etc, que case ningún de nós coñecía. Todo isto coa axuda dunha presentación a modo de cómic, e formulándonos moitas preguntas polo que nos resultou moi interesante e nada aburrida.

miércoles, 19 de noviembre de 2014

CHARLA SOBRE ACOSO ESCOLAR

O día 13 de novembro houbo unha charla no centro sobre o acoso escolar. Acudimos os nenos e nenas de 5º e 6º curso. A charla foi impartida por unha axente da Policía Nacional. Esta axente explicounos en que consistía o acoso escolar e o ciberacoso. Insistiunos moito en que cando soubésemos dalgún caso de acoso debiamos informar aos nosos pais ou aos profesores, para evitar que fose a máis. Logo falounos dos perigos das redes sociais e díxonos que os nenos e nenas menores de 14 anos que tiñamos facebook, twitter, etc, que estabamos facendo algo ilegal. Contounos casos de rapaces que sufriran acoso escolar e que algún incluso chegara a suicidarse do moito que sufriran. 



Falounos tamén de como actuaban os pederastas e secuestradores de nenos a través da rede. Outro aspecto importante que nos comentou foi que non se poden subir fotos de ninguén sen o seu permiso. Foi unha charla moi interesante.

domingo, 16 de noviembre de 2014

miércoles, 12 de noviembre de 2014

O pintor do sombreiro de malvas


Acabamos de ler o libro “O pintor do sombreiro de malvas” entre todos os nenos e nenas da clase e non deixou indiferente a ninguén. A uns gustounos moito e a outros non tanto porque lles pareceu un pouco difícil e triste. A maioría disfrutamos moito con el porque foi un libro moi diferente aos outros que temos lido, era un libro moito menos infantil e sentiámonos maiores léndoo. É certo que era un libro máis complexo: tanto no vocabulario coma nas reflexións que facía un dos personaxes, pero aí estaba parte do encanto do libro e grazas ás aclaracións da profe non tiñamos problema para comprendelo. Se seguides lendo podedes ver as valoracións que fixemos cada un de nós e logo vós decidides.

Gustoume moito porque o escritor tivo unha gran idea ao facer unha novela collendo un personaxe real (o pintor Vicent Van Gogh) e a partir del facer esta historia. Ademais a historia estaba moi ben narrada e era intrigante aínda que con vocabulario e expresións algo complexas. Tamén me gustou como o protagonista vai cambiando a súa forma de ver o mundo na súa estadía en Auvers. É o libro que debes ler se che gustan os libros bos, pero tristes. Recomendaría este libro para calquera persoa de máis de 12 anos. (Martín)
Este libro encantoume porque tiña moito sentimento e bastante intriga. No libro cáptanse moi ben os sentimentos dos personaxes. No vocabulario había moitas palabras novas para nós e aínda que isto podía ser un atranco, non o foi porque, ao lelo en voz alta, a profesora íanos aclarando as dúbidas. O que menos me gustou foi que no final non se chegou a saber que pasaba con algúns personaxes e a min gustaríame coñecer o que pasaba con eles. O meu personaxe favorito foi o pintor porque el non se deixa levar polo que fan todos, é moi especial. Recomendaríallo a nenos de máis de 12 anos. (Adrián)
Foi un libro que a min non me gustou moito, porque foi triste e a min gústanme os libros alegres e de aventuras. Ademais no final non se aclararon algunhas cousas. (Xian)
Este libro gustoume moito porque expresa moi ben os sentimentos dos personaxes, e é moi bonito. Ten partes con moita intriga e outras moi tristes porque expresa tan ben os sentimentos dos personaxes que se es unha persoa con empatía podes sufrir moito. Recomendaríallelo a nenos de 12 ou 13 anos porque ten un vocabulario e reflexións algo difíciles. Isto para min non é negativo pois así aprendín cousas que me servirán para o futuro ademais de disfrutar moito léndoo.( Noelia Carnero)
Este libro non me gustou moito porque tiña algunas partes que eran moi tristes e porque o vocabulario era algo elevado para nós. O que máis me gustou do libro son as reflexións que facía o pintor porque me chegaron ao corazón e me ensinaron a pensar nalgunhas cousas. Eu quedei con moita intriga porque o libro parece que non está rematado xa que non resolven certas cousas. (Iris)
A min non me gustou porque me resultou difícil e porque ao final non sei que pasou con algúns personaxes, ademais era moi triste. (Yolanda)
A min gustoume moito porque era intrigante e moi entretido. Aprendín e disfrutei léndoo. (Brandon)
Este libro gustoume porque era moi intrigante , como me gustan a min os libros, e ademais expresaba moi ben o que sentían os personaxes, ata chegou un momento, no final do libro, no que eu sentín angustia polo que lle estaba a ocorrer ao protagonista. O libro tiña un vocabulario bastante complexo para a nosa idade, pero a min gustoume porque así aprendín palabras e expresións novas. Tamén tiña reflexións filosóficas bastante difíciles que lle dicía o pintor ao protagonista e que a min me gustaron moito porque me axudaron a pensar e a madurar, coma ao protagonista; servíronnos para reflexionar todos xuntos sobre elas coa axuda da profe. A min o final do libro gustoume porque deixa cousas sen resolver para que ti imaxines o que queiras. (Ángel)