domingo, 18 de enero de 2015
Visita ao Parque Infantil de Tráfico
O día 14 de xaneiro os alumnos e alumnas das clases de 5º e 6ºA fomos ao Parque Infantil de Tráfico, situado en Expourense, para traballar a educación vial de maneira práctica (segundo nos dixo a profe.
Cando chegamos sorprendeunos moito o que había no circuito, era como unha cidade en pequeno, cos seus parques, casas, rotondas, xardíns, sinais... Recibíronnos tres persoas, unha delas era un policía local. Primeiro dividíronnos en dous grupos e mentres a un lle estaba explicando o policía, sobre o circuito, o significado dos distintos sinais, raias pintadas no chan, maneira de circular nas rotondas, principais normas de tráfico, etc o outro grupo estaba vendo un vídeo e unha proxección de diapositivas nunha sala próxima.
Despois de recibir as explicacións do policía local ese grupo collía as bicicletas e os "karts" e practicaba o que lle explicaran antes por todo o circuito. Foi moi divertido, e todos queriamos estar máis tempo practicando. Por certo, dúas compañeiras foron seleccionadas para participar nun concurso polo ben que o fixeron. NORABOA!
O vídeo tamén foi moi interesante pois trataba das similitudes do desprazamento dos animais e dos humanos e, por último, proxectáronnos unhas diapositivas sobre como circular coa bicicleta por estradas e pola cidade de maneira segura.
Pareceunos a todos unha saída moi divertida e na que aprendemos moito sobre educación vial, especialmente coa bicicleta.
Yolanda, Ángel e Noelia Carnero.
domingo, 11 de enero de 2015
sábado, 10 de enero de 2015
NADAL 2014
Imos contarvos como celebramos o Nadal na nosa clase.
Dicimos celebralo porque coas actividades que fixemos pasámolo moi ben e disfrutamos moito.
Colaboramos na exposición de postais que se fixo a nivel de colexio (as nosas
podédelas ver na presentación) e tamén
no festival de Nadal que tivo lugar os días 18 e 19 de decembro, o 18 asistimos
os nenos e nenas do colexio e os nosos mestres, e o 19 foi a representación
para os nosos pais.
Nós para o festival
preparamos una pequeña obra de teatro titulada “Onde vai o neno” que
trataba dun Nacemento no que non hai
neno e o pregoeiro está moi amolado porque
é o responsable de que saia todo ben e non entende que se faga un nacemento sen neno. Os demais personaxes intentan explicarlle que non fai falta o neno
porque todos os alí presentes levan un neno dentro e que só hai que deixalo
saír, que no Nadal todo é posible porque é tempo de soñar.
Cando a profe nos preguntou como queriamos participar no festival de Nadal todos lle dixemos que fixeramos unha obra de teatro porque quedaramos
moi contentos coa que representamos o ano pasado pero a profe non estaba moi convencida porque iamos algo atrasados nos temas das materias, ao final aceptou, sempre que non
nos importase ensaiar tamén nos recreos
para non perder tantas clases, nós dixémoslle que si e comezamos os ensaios a
comezos de novembro nas clases de
relixión / atención educativa e mais nos recreos (agradecemos desde aquí á
mestra de relixión que nos deixase as súas horas para ensaiar). Nos ensaios pasámolo
moi ben aínda que a algún custoulle un
pouco meterse no papel pero ao final todos o fixemos moi ben.
O día da
representación para o colexio felicitáronnos moitos mestres e compañeiros,
dixéronnos que lles gustara moito a mensaxe da obra e que a representación fora xenial, os pais
para o outro día tamén nos dixeron que estabamos feitos uns grandes actores e
actrices, que lles gustara moito, pero o
que máis nos importou foi que a nosa mestra quedara satisfeita co traballo de
todos.
Agora estamos un pouco tristes porque para o ano que vén xa
non poderemos facer outra obra de teatro porque non estaremos neste colexio, a
profe dinos que nos apuntemos no grupo
de teatro do Instituto ao que vaiamos.
Se queredes podedes
ver algunhas fotos na presentación do blog e tamén na páxina web do colexio.
martes, 16 de diciembre de 2014
CARTEÁMONOS:CEIP JOSÉ Mª LAGE (ORTIGUEIRA) -CEIP ALBINO NÚÑEZ (OURENSE)
Os mestres do CEIP de Ortigueira puxéronse en contacto cos do noso colexio para que os seus alumnos se cartearan cos do noso e houbo varios dos nosos mestres aos que lles pareceu unha boa idea, pois así coñeciamos os nenos dun centro da costa e podiamos intercambiar experiencias, opinións, á vez que usabamos a nosa lingua. No noso caso, no mes pasado, recibimos unha carta dos nenos da clase de 6ºA onde nos contaban cousas moi interesantes da súa clase e da vila, ademais enviáronnos folletos de turismo nos que se poden ver as cousas máis destacadas da vila e dos arredores. Nós, pola nosa parte, tamén lles enviamos unha carta e ademais un vídeo, onde nos presentamos cada un de nós, e unha presentación Powerpoint coas dependencias do noso colexio, para que nos coñezan un pouco mellor. Enviámoslles tamén algún folleto turístico da cidade, especialmente das Termas, un libriño sobre a historia de Ourense e un exemplar da revista escolar do ano pasado. AGARDAMOS ENTUSIASMADOS QUE NOS CONTESTEN E NOS SIGAN CONTANDO COUSAS PARA COÑECELOS MELLOR E OXALÁ NOS PUIDÉSEMOS COÑECER EN PERSOA. A VER SE SE ANIMAN OS PROFES!!
domingo, 14 de diciembre de 2014
VISITA MUSEO MUNICIPAL

O venres, 12 de decembro, fixemos unha visita ao Museo Municipal e alí vimos unha exposición temporal que leva por título "Vidas Entrecruzadas". Tivemos a sorte de que se presentaba a peza correspondente a este mes e puidemos coñecer ao seu autor. Logo vimos as fotografías en color da 2ª planta e as de branco e negro da 1º planta, con temáticas moi distintas. A guía íanos explicando o motivo de cada exposición e o seu significado. As fotografías gustáronos pero viñemos un pouco decepcionados porque esperabamos ir ver pintura e non foi así.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)


