domingo, 22 de febrero de 2015
domingo, 15 de febrero de 2015
NAVEGA CON RUMBO
Este xoves, día 12 de
febreiro, o alumnado de 5º e 6º tivemos unha charla sobre a seguridade en
Internet dentro do Plan “Navega con rumbo”.
A conferenciante falounos
dos “hoax” (bulos ou noticias falsas que circulan pola rede),
do “grooming” (un adulto intenta gañarse a confianza dun menor cunha intención
sexual), do “ciberbullying” (acoso entre
iguais: chantaxes, vexacións, insultos,etc) e tamén nos deu algunhas recomendacións para navegar máis seguros polo Ciberespazo. viernes, 6 de febrero de 2015
DÍA DA PAZ
Acabamos de celebrar no colexio o Día da Paz aínda que mellor deberiamos dicir a Semana da Paz, pois toda a semana estivemos facendo actividades relacionadas con esta data tan importante.
Na nosa clase xa levabamos unhas semanas preparando a canción titulada "Corazón con cremallera" acompañada dun baile que logo ensinamos aos de infantil, así como a lectura e comentario de textos alusivos a este tema.
A nivel plástico colaboramos na confección dun mural para a biblioteca deseñando uns ladrillos que podedes ver na seguinte presentación. Tamén fixemos para a nosa clase este mural "Paz no mundo".
Nas clases de plástica confeccionamos unhas pombas da paz en papiroflexia coas que construiremos uns móbiles para colgar na clase.
Xa o día 30 colaboramos na construción da "pomba solidaria" aportando alimentos e logo cantamos e bailamos todos xuntos.
Foi un bonito día, agora só falta que continuemos con este espírito solidario o resto do ano; de momento temos boas intencións.
Podedes ver arriba algunhas das fotos deste acto. Se queredes ver máis entrade na galería da páxina Web do colexio.
jueves, 5 de febrero de 2015
Encontro coa escritora Ledicia Costas
O encontro coa escritora Ledicia Costas foi a última das moitas actividades
que realizamos arredor do libro Escarlatina,
a cociñeira defunta.
Nas vacacións de Nadal lemos o libro que nos regalou o
Concello e á volta fixemos na clase comentarios e valoracións sobre o libro, aclaramos
dúbidas, informámonos sobre a autora e o ilustrador e realizamos un debuxo que
lle entregamos á escritora o día do encontro.
Ese día, 30 de
xaneiro, os alumnos de 6º acudimos á Escola de Teatro e alí xuntámonos cos doutros
catro colexios. A escritora xa nos estaba
agardando xunto coa responsable do Concello e o representante de Xerais (editorial do libro).
A escritora falounos un pouco sobre ela e
enseguida comezou a rolda de preguntas que lle fixemos os nenos de todos os
colexios. Ela contestounas todas moi amablemente e despois pasou a firmarnos os
libros. Nós levamos dous exemplares para firmar e escribiunos unhas especiais
dedicatorias. Nós pola nosa parte agasallámola cun debuxo, feito por Ángel, e as nosas
valoracións sobre o libro, traballo que lle gustou moitísimo, mostroullo a toda a sala e
pediu un aplauso para nós. 
Algunhas das cousas que nos contou foi que a súa afección
pola escritura viña desde pequeniña, e que a súa primeira novela a escribira con 13 anos. Díxonos que non tiña
ningún lugar en concreto onde se
inspirar para escribir os seus libros, é
mais, ela non cre na inspiración, pensa que é cousa de poñerse a escribir e xa está. Á
pregunta de por que elixira o tema dos mortos para facer este libro, ela contestounos
que o elexira porque na cultura
galega son moi importantes os contos e
as lendas de mortos e como non se escribira nunca un libro infantil sobre este
tema que decidira facelo ela. Díxonos
tamén que ía escribir outro libro, que en realidade era a primeira parte deste
xa que vai de cando se coñecen, antes de morrer, Escarlatina e Lady Horreur. Estámolo agardando con moito interese.
Era a primeira vez que falabamos cunha escritora e gustounos
moito.
A continuación podedes ver o traballo que lle entregamos e as dedicatorias que nos escribiu nos libros.
A continuación podedes ver o traballo que lle entregamos e as dedicatorias que nos escribiu nos libros.
miércoles, 4 de febrero de 2015
VISITA AO "IES 12 DE OUTUBRO"
O día 29 de xaneiro os alumnos e alumnas de 6º curso fomos coñecer o IES 12 de Outubro, porque é o centro ao que a maioría dos nenos imos ir para o curso que vén. Fomos acompañados das dúas titoras de 6º e da orientadora do centro. Tamén foron algúns dos nosos pais (arredor duns doce) para coñecer o centro e valorar se nos mandaban para alí ou non.
Ao chegar recibiunos a directora e explicounos no salón de actos os diferentes estudos que se imparten no centro e as actividades complementarias e extraescolares que alí se desenvolven, Ao rematar o xefe de estudos foinos ensinando as distintas dependencias do centro: laboratorios, talleres de mecanizados, electricidade, perruquería, estética, biblioteca e diversas aulas. O que máis nos chamou a atención foron os talleres e que o colexio era moi grande e que parecía un labirinto.
Cando acabou a visita convidáronnos a un chocolate na cafetería do centro. Foron todos moi amables.
A maioría de nós queremos ir a este centro para non separarnos dos nosos compañeiros.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)

