martes, 5 de enero de 2016

TEATRO: "LA GUERRA DE TROYA"




  O 24 de novembro fomos ver unha obra de teatro titulada “La guerra de Troya”. Esta obra narraba o enfrontamento,  hai miles de anos, entre as dúas nacións  máis poderosas  da Terra. Este espectáculo combinaba narración, marionetas e audiovisual de animación. Foi moi novidoso para nós. Gustounos moito a todos. 




ESPECTÁCULO DE DANZA CONTEMPORÁNEA

O  4 de novembro fomos ver o espectáculo de Danza Contemporánea que tivo lugar na Escola Municipal de Artes Escénicas  de Ourense.  Foi unha actividade moi divertida e didáctica porque  participamos moito todos os alumnos alí presentes,  facendo diferentes coreografías e representando o papel  do outro  persoal que tamén é necesario nun espectáculo, ademais dos actores e actrices, para que todo saia ben (xefe de escena, xefe de sala, encargado do son,  de luces…)


 



CHARLA: "SEGURIDADE EN INTERNET"


O  16 de outubro  tivemos unha charla no centro sobre “Seguridade en Internet” impartida por persoal da Policía Nacional. Alí tivemos ocasión de aprender os coidados que tiñamos que ter ao navegar pola rede, e como agora imos utilizar moito Internet pareceunos moi necesaria.


CONCERTO DA ORQUESTRA XUVENIL DA EMMO

Xa sen  darnos tempo a afacernos á nosa nova clase, o día 14 de setembro fixemos unha saída para asistir ao concerto da Orquestra Xuvenil da EMMO (Escola Municipal de Música de Ourense), concerto  co que o Concello de Ourense quixo inaugurar o curso 2015-16. Pasámolo  estupendamente porque os músicos fixérono moi ben e ademais participamos moito levando o ritmo que nos indicaban.
Si, xa sei, o curso 2015-16 comezou hai un trimestre e non demos sinais de vida en todo este tempo. Hai dúas razóns que xustifican  este abandono. Por un lado, como xa dixen, este curso comecei con alumnos/as novos en 5º curso e coma sempre que comezo cunha nova promoción, entre coñecelos, coñecerme e tratar de que se familiaricen coas ferramentas necesarias e dispoñan duns mínimos coñecementos para o tratamento de textos e de imaxes  non houbo tempo para máis. Por outra parte, no que se refire ás miñas aportacións, teño que dicir que me dediquei en exclusiva a elaborar as programacións didácticas do curso, feito que merecería un comentario á parte, e que aquí non procede. A ver se neste trimestre podemos regularizar as aportacións ao blog. De momento vou tratar de resumir algunhas das saídas e traballos desenvolvidos no anterior trimestre. 
NOVO CURSO CON NOVOS ALUMNOS/AS

lunes, 15 de junio de 2015

DESPEDIDA DOS ALUMNOS E ALUMNAS DE 6ºA

Acabouse o curso e con el unha etapa para nós. Que curta parece agora! Sen embargo a maioría dos nenos e nenas da clase levamos aquí desde os tres anos. Cando viamos marchar aos compañeiros doutras promocións tiñamos ganas de que nos chegara a vez a nós, sen embargo agora xa non estamos tan convencidos. Os sentimentos que temos son contraditorios, por un lado queremos marchar para o Instituto para vernos xa maiores e por outro non queremos deixar este colexio porque aquí medramos, fixemos amigos, aprendemos moito e nel sentímonos seguros.  A carta que redactou Noelia recolle o sentimento de todos nós e con ela despedímonos de todos. GRAZAS .