lunes, 30 de mayo de 2016

Visita á Sala de Exposicións Afundación: " A FRONTEIRA INFINDA"

O venres, día 27 de maio os nenos de 5º e 6º fomos ver a exposición "A FRONTEIRA INFINDA" á Sala de Exposicións Afundación. Esta exposición achegounos á arte realizada por creadores galegos fóra de Galicia, ao longo de boa parte do século XX. Vimos obra de Castelao, Maruja Mallo, Laxeiro, Luis Seoane... e antes realizamos un obradoiro que consistiu en supoñer que eramos un grupo deses pintores emigrados e tiñamos que elaborar a portada dunha revista, unha entrevista a un deles, unha obra, o cartel anunciando unha exposición que ía ter lugar proximamente e unha viñeta cómica... Mirade o resultado.


Traballando no obradoiro
Mostrando a obra realizada 

Gustounos moito como a monitora enfocou a visita porque nos fixo participar moito e tamén resultou moi positivo o obradoiro. 

                                                           






domingo, 29 de mayo de 2016

LETRAS GALEGAS 2016

Este ano dedícaselle o Día das Letras Galegas a Manuel María, poeta moi popular, comprometido con Galicia e  autor da obra poética máis extensa das nosas letras.
Publicou máis de cincuenta libros de poesía, trinta ensaios, quince obras narrativas, vinte pezas teatrais e moitos artigos xornalísticos. Foi traducido a numerosos idiomas  e é o poeta galego máis musicado. Toda a súa obra reflicte o seu amor a Galicia, á súa terra, á xente, á lingua, ás cousas cotiás...
 Dedicounos unha atención especial aos nenos e nenas, galegos con poemarios, contos e obras teatrais. No prólogo do libro  As rúas do vento ceibe  di Manuel María: “Si estes poemas, sinxelos e simples, vos deprenderan a amar a nosa patria Galicia, este voso vello amigo sería o home máis feliz do mundo”. Pois ben, poderás entón sentirte moi feliz alá onde esteas, porque conseguiches que cos teus versos milleiros de nenos e nenas galegos coñezamos e apreciemos máis ao noso país, á vez que espertaches en  moitos de nós o gusto  pola poesía. GRAZAS





Estivemos traballando arredor de Manuel María todo o mes de maio, primeiro lendo a súa biografía e logo lendo e recitando os poemas dos libros que escribiu  para nenos Os soños na Gaiola e As rúas do vento ceibe, tamén escoitando moitos destes poemas musicados. Nós eliximos un deles "A Fala" para recitalo o día do festival, acompañado da flauta que tocaron dous dos nosos compañeiros. 















A nivel plástico decidimos ilustrar cinco dos seus poemas con diferentes técnicas. Podedes velos a continuación. 

  






 Con estes murais fixemos un especial sobre Manuel María para a revista escolar.

                       Manuel María non te imos esquecer nunca.

 Se queredes coñecer mellor a este gran poeta galego podedes visitar estas páxinas:

Coordinadora Galega de ENDL

Casa Museo Manuel 

Seminario Galán

domingo, 8 de mayo de 2016

VISITA Á ETAP

O día 27 de abril os nenos e nenas da nosa clase fomos visitar as instalacións da ETAP (Estación de tratamento de auga potable) da cidade.  Antes recibimos unha charla sobre a auga: propiedades e tratamento de potabilización. Despois fomos ver as instalacións e alí puidemos observar primeiro como a uga que chega do embalse ou do río Miño pasa polo decantador e logo por uns filtros de auga. Despois bótanlle cloro para matar as posibles bacterias e microorganismos e xa está lista para beber. A auga xa limpa almacénase nuns depósitos que abastecen a cidade.  Finalmente fomos ver o antigo depósito de auga de Ourense, que non tiña auga neste momento porque está en obras.
Foi unha visita moi interesante porque aprendemos moito sobre a auga.


lunes, 28 de marzo de 2016

CANDO XOGO... EN GALEGO!!

No noso centro estase levando a cabo unha campaña  sobre o uso do galego no deporte. Leva por título "CANDO XOGO... EN GALEGO!!". Trátase de aprender o vocabulario específico dos deportes máis practicados por nós en galego e de usalo cando facemos deporte. Nós eleximos o fútbol, porque nos gusta moito a todos, e despois de buscar como se dicían en galego cada unha das palabras que se usan neste deporte elaboramos cada un de nós dúas palabras en cartolina. O resultado quedou como vedes neste mural. Agora só queda que as usemos sempre, tal e como nos comprometemos.

CHARLA SOBRE RECICLAXE

O 7 de marzo os alumnos/as de 5º curso recibimos unha charla sobre reciclaxe, impartida por un biólogo enviado polo Concello de Ourense, que levaba por título "Ti reciclas. Ourense gaña." Nesta charla aprendemos como se debían separar correctamente os residuos e o proceso que tiña lugar despois. Mostrounos  a planta de SOGAMA e moitos vertedoiros incontrolados que aínda se ven en Galicia hoxe en día. Aprendemos moito sobre o significado dos RRR (reducir, reutilizar e reciclar)  e da necesidade de contribuír ao coidado do medio ambiente.

lunes, 7 de marzo de 2016

8 DE MARZO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER











Como sabedes mañá, día 8 de marzo, é o Día Internacional da Muller. Foi elexida esta data porque neste día en 1857 e en 1908 tiveron lugar dúas folgas reivindicando a igualdade de dereitos das mulleres. O 8 de marzo de 1857 un grupo de obreiras dunha fábrica téxtil manifestouse polas rúas de Nueva York para protestar polas pésimas condicións nas que traballaban. Arredor desta data, novamente en Nueva York, en 1908, unhas 40000 costureiras das grandes fábricas de Estados Unidos puxéronse en folga reclamando igualdade laboral, diminución da xornada laboral a dez horas e dereito para sindicarse. Nunha destas fábricas en folga, as mulleres encerráronse na súa fábrica e produciuse un incendio, que se cre foi provocado polo dono da fábrica, e alí morreron queimadas 120 mulleres.
En 1910, durante a Segunda Conferencia Internacional de Mulleres Traballadoras celebrada en Copenhague (Dinamarca) máis de cen mulleres de diferentes países aprobaron declarar o 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora, hoxe denominado Día Internacional da Muller.
Desde 1911 vénse celebrando este día, e no ano 1975 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas estableceu esta data como Día Internacional da Muller. A continuación podedes ver o vídeo "Rosa caramelo" que nos permitirá analizar os estereotipos que se foron creando en canto ao xénero.  

Entrade tamén no seguinte enlace e poderedes ler o conto "Conociendo a Malala: una luchadora de Nobel"    http://www.educapeques.com/cuentos-infantiles-cortos/cuentos-para-ninos/cuento-infantil-malala-una-luchadora-de-nobel.html

domingo, 28 de febrero de 2016